jueves, 11 de octubre de 2012

NOMEADO O XURADO DO XXV PREMIO NACIONAL DE POESÍA “XOSEMARÍA PÉREZ PARALLÉ”



As poetas Dores Tembras e María Rosendo e o tamén poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello formarán o xurado encargado de fallar a XXV edición do Premio Nacional  de poesía “Xosemaría Pérez Parallé”.


O CMI Unidade de Fene, como entidade organizadora do XXV Premio Nacional de Poesía “Xosemaría Pérez Parallé” ven de nomear o xurado encargado de fallar esta edición do certame, xurado que estará formado por Dores Tembrás, María Rosendo e Miguel Anxo Ferán Vello.

Miguel Anxo Fernán Vello. Poeta e editor. É un dos membros máis destacados da xeración poética galega de final de século. Autor dunha importante obra poética, incursionou tamén polos carreiros do teatro e a narrativa. Obtivo en dúas oportunidades o Premio da Crítica Española, ademais doutros galardóns como o premio Esquío, o González Garcés ou o Cidade de Ourense. En 1991 funda a editorial de poesía Espiral Maior, selo de referencia para a historia da poesía galega contemporánea que edita cada ano os libros gañadores do Premio Nacional de Poesía “Xosemaría Pérez Parallé”.

Dores Tembrás. Doutorada en filoloxía hispánica cun estudo sobre a poeta arxentina Alejandra Pizarnik, esta escritora nada en Bergondiño (Bergondo) en 1979 comezou a publicar algo tarde para o que é máis habitual no noso ámbito pero logo obtivo un importante recoñecemento. O seu primeiro libro, O pouso do fume, foi finalista dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ten publicadas, ademais, obras nas que dialoga coa expresión plástica como Alentos ao vacío (en colaboración co pintor Manuel Suárez) ou Esquiagrafías (na Revista das Letras). 

María Rosendo. Poeta viguesa, gañadora da XXIII edición do Premio Nacional de Poesía “Xosemaría Pérez Parallé” co seu libro Nómade. É licenciada en filoloxía inglesa e en educación social.

O xurado terá que escoller entre un total dos 35 poemarios presentados a esta edición do Premio, cuxa entrega terá lugar o vindeiro 17 de novembro nunha gala que se desenvolverá nas instalacións do CMI Unidade de Fene e que contará cunha actuación do “Coro da Rá” e cun recital poético cos gañadores e gañadoras de anteriores edicións.

Nesta XXV edición, o Premio contará por vez primeira de dotación económica (500 euros) ademais dunha escultura obra de Francisco Xosé Pérez Porto e a edición do poemario na editorial Espiral Maior. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario