“Os nacionalistas
reuníronse cos representantes do persoal laboral e funcionario do concello para
explicar a moción”
O BNG de Fene, na liña da decisión tomada pola
organización a nivel nacional, rexeitamos as decisións adoptadas polo Goberno
central en materia de política económica están a provocar un agravamento da
crise. O “programa de reformas” executado polo PP só deu como resultados máis
desemprego, unha caída no consumo e na actividade económica, e un maior
estancamento do crédito ás persoas emprendedoras, empresas e familias. A única
política definida é a de aplicar continuos recortes en dereitos económicos e
sociais conquistados en favor das maiorías sociais.
O último episodio desta errática política económica
constitúeo o Real Decreto-Lei 20/2011, do 13 de xullo, que contén medidas
destinadas á minoración retributiva e de dereitos laborais para as empregadas e
os empregados públicos, á redución das prestacións por desemprego, á diminución
do financiamento do sistema de axuda á dependencia, á liberalización comercial
que provocará perdas ao comercio tradicional fronte ás grandes superficies
comerciais. Todo iso completado cunha suba fiscal (o IVE) na imposición
asociada ao consumo de xeito que se reparten linealmente as cargas
contributivas no canto de acometer unha reforma fiscal progresiva sobre as
grandes fortunas e patrimonios e as rendas máis altas.
Estamos perante unha auténtica imposición, que no caso
dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de
medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente,
polo que supoñen de atacar de novo dereitos consolidados de persoas
traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado. Nada indica na práctica que a redución
salarial sobre as persoas traballadoras sexa unha medida que contribúe á
reactivación económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á
maior parte da poboación co que se resente o consumo e a actividade económica.
No caso concreto do noso concello, estamos seguros de que
eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración
municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Agravará aínda máis
a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos
afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio,
en xeral ao tecido económico deste concello.
O GM do BNG pediralle ao Pleno da Corporación municipal a
adopción do seguinte acordo:
1. Manifestar o
rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real
Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo.
2. Rexeitar a
decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os
vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un
efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local.
3. Compensar a
perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais,
instando á Alcaldía a que adopte as
medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario