lunes, 21 de mayo de 2012

Un educador ambiental atenderá aos visitantes da mostra "Galicia, conservando a natureza" en Fene


A exposición está instalada ata o vindeiro venres no Salón de Plenos da Casa do Concello. O horario de visitas é de 9:00 a 14:30 horas (agás mañá martes, festividade de Santa Rita, xornada en que se pechará ás 13:30 horas).

“Galicia conservando a natureza é unha exposición da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia coa que se pretende que os galegos e galegas coñezan os principais valores ambientais e patrimoniais que fixeron merecedores da protección aos diferentes espazos naturais. Ademais, esta exposición pretende sensibilizarnos a todos da importancia que teñen os espazos naturais protexidos para a conservación da nosa biodiversidade, un patrimonio único e irrepetible, que temos a obriga de preservar para as xeracións futuras.

Rías, bosques, montañas, ríos, canóns, lagoas, illas, praias, dunas, matogueiras, esteiros..., unha gran variedade de ambientes que debuxan unha paisaxe única en Galicia. Unha paisaxe que non se pode comprender sen a presenza humana desde hai milleiros de anos, e que tamén deixou a súa pegada a través dun rico patrimonio cultural e etnográfico.
Para protexer esta riqueza natural, Galicia conta cunha rede de espazos naturais que é o reflexo desa variedade de hábitats e especies que compoñen a nosa xeografía, unha rede de espazos naturais que está integrada por bosques, montañas, ríos, lagoas, marismas, cantís, illas..., que axuda á conservación da biodiversidade que atesouramos no noso territorio.

Seguindo a tendencia doutros países e comunidades do noso contorno, a superficie protexida en Galicia foi aumentando progresivamente nos últimos anos, estando hoxe en día por riba do 12% do noso territorio. Esta superficie protexida está cuberta baixo varias figuras de protección, acordes aos valores de cada espazo natural: parque nacional, parque natural, monumento natural, humidal protexido, ZEPA, Lugar de Importancia Comunitaria...

Características da exposición
A exposición “Galicia, conservando a natureza”, está composta polos seguintes materiais:
• 22 paneis de 200 cm. x 100 cm. impresos a 4 tintas sobre lona reforzada,montados sobre displays portátiles
• Proxección “Os parques naturais de Galicia”

Relación de paneis:
  • Panel 1- Panel portada “Galicia, conservando a natureza”
  • Panel 2- Os espazos naturais axudan a conservar a biodiversidade
  • Panel 3 - A rede natura protexe os hábitats prioritarios para a conservación da natureza europea
  • Panel 4 - A rede natura protexe especies prioritarias na conservación da natureza europea
  • Panel 5 - Parque nacional das illas atlánticas.
  • Panel 6 - Parque natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.
  • Panel 7 - Parque natural das Fragas do Eume
  • Panel 8 - Parque natural do monte Aloia
  • Panel 9 - Parque natural da Baixa Limia - serra do Xurés
  • Panel 10 - Parque natural dos montes do Invernadeiro
  • Panel 11 - Parque natural da serra da Enciña da Lastra.
  • Panel 12 - Monumentos naturais.
  • Panel 13 - Complexo O Grove-Ons.
  • Panel 14 - Humidal protexido ría de Ribadeo.
  • Panel 15 - Humidal protexido lagoa e areal de Valdoviño
  • Panel 16 - Humidal protexido ría de Ortigueira-Ladrido.
  • Panel 17 - Rede Natura 2000: Espazos litorais.
  • Panel 18 - Rede Natura 2000: Ecosistemas fluviais.
  • Panel 19 - Rede Natura 2000: Lagoas, esteiros, brañas...
  • Panel 20 - Rede Natura 2000: Bosques
  • Panel 21 - Rede Natura 2000: Serras
  • Panel 22 - Zonas de Especial Protección para as Aves

No hay comentarios:

Publicar un comentario