A situación é tan extrema que a algúns dos afectados xas lles foi notificado o inicio dos trámites de embargo da súa vivenda por impago da hipoteca
Iván Puentes afirma que, “tanto se é por incompetencia, como por orgullo, a negativa da Conselleira a pagarlle aos mariscadores/as da Ría de Ferrol os salarios adebedados desde outubro é motivo máis que suficiente para que dimitia ou para que o Presidente asine o seu cese de xeito inmediato.”
A situación na que se atopan os mariscadores e mariscadoras da Confraría de Barallobre, pechados na Casa do Concello de Fene desde hai máis de dúas semanas, está chegando a límites insoportables humana e socialmente. As consecuencias da débeda que a Xunta de Galicia ten con eles son tan graves que algunhas familias, que teñen como única fonte de ingresos o salario que a Consellería de Pesca non lles paga desde o mes de outubro, afirman non ter cartos xa nin para mercar a comida para o seu día a día. Para outros son as hipotecas e créditos asinados cos bancos, que acumulan tantos meses de débeda como meses hai que a Xunta non lles paga, a principal amenaza, tanto que nalgún caso xa recibiron a notificación do inicio dos trámites para o embargo das súas vivendas.
Tal e como sinala Iván Puentes, “é insultante que teñamos un Presidente da Xunta e unha Conselleira que saben deste problema e que non fagan nada para solucionalo; aos que lles dea igual a situación de extrema necesidade á que están condenando aos nosos traballadores do mar. Un Presidente e unha Conselleira que estiveron ata en tres ocasións en Ferrolterra nas últimas semanas e non dedicaron nin un segundo a achegarse a Fene e falar cos mariscadores e mariscadoras pechados na Casa do Concello”.
Así as cousas, pasado un tempo máis que prudencial e vista a pasividade da Xunta ante un problema tan grave, os socialistas de Fene esixen a dimisión imediata da Conselleira Rosa Quintana, por incompetente, por insensible e por facer da “chulería” cos máis necesitados o seu estilo de facer política. Só así se pode cualificar a resposta que lle deu á Patroa Maior da Confraría nunha xuntanza mantida días atrás cando esta lles expoñía a situación na que se atopaban os membros do pósito; “por mi como si os quedáis encerrados todo el año”, espetou a Conselleira, tal e como a propia Patroa relatou pleno deste xoves.
Dos miles de euros adebedados a cada traballador, entorno aos 6.000 en moitos casos, a Xunta só aprobou por agora o pagamento duns 300 que, se se cumpre a palabrar dada pola Conselleira, que se nega plasmar este compromiso por escrito, serían pagados a próxima semana, pero a maior parte da débeda quedaría aínda pendente e o que é máis grave, sen ningunha data prevista para pagarlle aos mariscadores/as.
O Pleno aproba a moción socialista de apoio aos mariscadores/as
O Pleno de Fene, celebrado este xoves, aprobou por unanimidade a moción presentada polo Grupo Municipal do PSdeG-PSOE na que, entre outras cousas, se expresa a solidariedade da Corporación Municipal cos mariscadores/as pechados na Casa do Concello e se lle esixe á Xunta de Galicia que pague de xeito inmediato todos os cartos adebedados aos membros da Confraría de Barallobre, ademais de que nos próximos orzamentos da Comunidade Autónoma se consignen os cartos necesarios para adiantar ao máximo a posta en marcha da Depuradora da banda Sur e sanear dunha vez por todas a Ría de Ferrol.
Froito do acordo con EU-IU e BNG, tamén se incorporou á moción a petición ao Goberno Municipal de Fene de que habilite axudas específicas de emerxencia social para atender ás persoas que se atopen nunha situación de maior necesidade e a suspensión no pago das súas cotizacións á Seguridade Social.
Á sesión plenaria asistiron máis dun cento de afectados, que agradeceron o apoio dos concelleiros/as e pedíronlles que deran todos os pasos precisos para que a Xunta lles pague, nin máis nin menos que o que é seu.
Neste sentido, Iván Puentes esixiulle ao Alcalde e o Partido Popular de Fene que saiban poñer algún día os intereses e necesidades dos seus veciños e veciñas por riba dos de Feijoo e dos do seu partido e que amosen máis contundencia e máis traballo do amosado ata a data para rematar con esta penosa situación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario