A Concellería de Cultura “liberou” esta mañá sesenta libros en distintos espazos públicos do termo municipal
O Museo do Humor e a Biblioteca Municipal Pérez Parallé súmanse este ano á Rede de Bibliotecas de Museos (BIMUS) para conmemorar o Día Internacional do Libro, participando no club de libros global denominado Bookcrossing. Por este motivo, a Concellería de Cultura “liberou” sesenta libros -a maioría duplicados pertencentes aos propios fondos do Museo e da biblioteca- en distintos espazos públicos do termo municipal como parques, colexios, cafeterías, paradas do autobús, instalacións deportivas, etc. Dende a Rede de Biblioteca de Museos editouse un vídeo promocional desta iniciativa á que se sumaron este ano 72 bibliotecas e museos de todo o país (http://www.youtube.com/watch?v=EhAp0XyMGL4&feature=youtu.be.)Entre os libros “liberados” salientan as publicacións editadas polo Museo do Humor ou coa colaboración deste centro (“Curuxas 99 e 2001”, “106 caricaturistas contemporáneos”, “Vistos para sentencia”, “Humor contemporáneo portugués”, etc), así como distintos libros publicados polo Concello, asociacións ou veciños/as de Fene (“Un mundo chamado Fene”, de Beatriz Seijo, “Historia de Maniños”, de Mª Carme Feal, “Sillobre vén de antigo”, de María Rivera ou “75º Aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido”, da Liga de Amigos de Barallobre).
BOOKCROSSING
BookCrossing é a práctica de deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo. A idea é liberar libros para que sexan atopados por outras persoas, convertindo así o mundo enteiro nunha biblioteca.
Se alguén decide liberar un libro vía BookCrossing, terá que rexistralo para conseguir un BCID (número de identificación de BookCrossing) que será o que identifique ese exemplar concreto na base de datos do sistema. Ese número de rexistro apúntase no libro, directamente no interior da cuberta, ou ben nunha etiqueta na que se pide á persoa que o atope que entre na web de BookCrossing e escriba un pequeno apunte para notificar o achádego, e finalmente que “solte” de novo o libro unha vez que o remate.
O estadounidense Ron Hornbaker concebiu a idea do Bookcrossing en marzo do 2001, inspirándose nunha web (“Where´s George?”) deseñada para seguir o percorrido de billetes. A web de Bookcrossing comezou a funcionar un mes despois, o 17 de abril do 2001. Dende aquela, desenvolveuse coma un movemento global que conta con máis de 750.000 membros en todo o mundo e máis de cinco millóns de libros rexistrados na súa base de datos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario