Alumnos/as do centro O Ramo, de Barallobre, visitaron a mostra no seu derradeiro día de exposición
Coincidindo coa celebración do Día da Paz, trinta e oito nenos/as con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos achegáronse este luns ate o Museo do Humor de Fene para coñecer in situ a exposición “O humor e os dereitos da infancia”. Os alumnos/as do Ramo realizaron un percorrido guiado polas distintas salas do Museo e levaron para as súas casas, como recordo, distintas ilustracións (para colorear) nas que se aborda o tema da paz.
Tal e como estaba previsto, rematado o período de exposición na Casa da Cultura de Fene, a mostra “O humor e os dereitos da infancia” comezará agora o seu percorrido por colexios e asociación de toda Galicia. Sete centros solicitaron xa esta mostra ata finais do presente curso escolar: o IES Terra de Trasancos (Narón), o CEIP Valle Inclán (Perillo), o CEIP Eladia Mariño (Porto-Cabanas), o CPI Ponte Carreira (Frades), o CPI Atios (Valdoviño), o CIFP Ferrolterra (Ferrol) e o CPI A Xunqueira (Fene).
Aqueles colexios ou asociacións que estean interesados en dispoñer da exposición (a partir do mes de xullo de 2012) deberán cumprimentar o formulario que se achega adxunto e envíalo ao Museo do Humor de Fene por correo electrónico (museodohumor@gmail.com) ou vía postal (MUSEO DO HUMOR. Avda de Conces, 20-22. 15.500. Fene. A Coruña). Consultar condicións no teléfono 981-342400 (de 8:00 a 13:30 horas)
“O humor e os dereitos da infancia” é unha exposición colectiva na que diferentes ilustradores/as amosan dende unha perspectiva humorística o seu punto de vista sobre o tema dos dereitos dos/as nenos/as. A mostra está baseada na “Declaración dos dereitos da infancia”, proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa resolución 1386 (XIV), do 20 de novembro de 1959.
A escolla deste tema responde a dous obxectivos fundamentais. Por un lado, levar á reflexión sobre un asunto de interese social e de máxima actualidade. Por outro lado, revitalizar o Museo do Humor, ampliando os seus fondos e achegándoo ao público infantil e xuvenil.
Para a posta en marcha deste proxecto -iniciado no verán de 2011- o Museo do Humor púxose en contacto con distintas asociacións profesionais de ilustradores e numerosos debuxantes aos que se solicitou a súa colaboración totalmente desinteresada. A resposta foi excelente, recibíndose máis dun cento de obras de procedencias tan diversas como Galicia, Barcelona, Valencia, Madrid, Xaén, Arxentina, Brasil, Perú, Uruguay, México, Azerbaixán, República de Tatarstán ou Grecia.
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada
Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e instituciones.