viernes, 10 de febrero de 2012

DECLARACION INSTITUCIONAL DOS GRUPOS POLITICOS DO CONCELLO DE FENE EN APOIO DOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DE NAVANTIA

Navantia é unha empresa de referencia non só a nivel nacional senón tamén a nivel internacional, capaz de competir con outros estaleiros do mundo non só en prezo senón tamén en calidades e prazos de entrega. Proba delo é o acordo asinado con Noruega para a construcción de 5 fragatas que supuxo case 10 anos de traballo e unha facturación de 1.100 millóns de Euros, onde competiu cos mellores estaleiros, sendo en aquel momento o maior contrato de exportación militar de España.

No ano 2007 foi capaz de levarse un dos maiores contratos internacionais de construcción de buques militares, impoñéndose a estaleiros coma o estadounidense Gibbs and Cox ou ó francés DCN. Trátase do acordo firmado con Australia para a construcción de dous megabuques e o deseño de tres destructores, o cal significou un contrato de 1.300 millóns de euros.

Os dous exemplos anteriores deben ser suficientes para deixar claro que é unha empresa que compite cos mellores estaleiros do mundo, e en moitas ocasións, os supera.

Ademais de ser unha referencia a nivel mundial é un piar fundamental da comarca. En Ferrolterra o naval representa o 40% dos empregos do sector industrial. No ano 2011, en Navantia Fene-Ferrol traballaron unha media de 5.500 persoas entre o plantel principal e o da Industria Auxiliar, e creáronse preto doutros 12.000 empregos, ou dito de outra maneira, unha plena ocupación dos estaleiros dan traballo a máis de 17.000 traballadores na comarca. No ano 2010, case o 3,5% do emprego de toda a provincia de A Coruña xerouse en Navantia e a súa producción supuxo o 3% do PIB da provincia.

Pero ao naval ferrolán se lle acaba o tempo. Ou se conseguen novos contratos con urxencia ou a partir do verán nos veremos inmersos na maior crise da nosa historia. A partir de entonces só nos quedaremos coa construcción do último buque para a armada australiana. Só no último medio ano xa se destruíron máis de 700 empregos na industria auxiliar e ao longo de este ano pódense perder máis de 1.000 só na construcción naval, sen ter en conta o sector de Reparacións ou Turbinas, e a finais de ano podemos atopar talleres completamente pechados, unha situación nunca antes vivida en Navantia.

Non podemos agardar un día máis. E no ámbito político se teñen que tomar medidas o respecto, a construcción do dique flotante daría ocupación case de inmediato precisamente ós centros que están quedando sen carga de traballo. Estamos a falar dunha obra que suporía unha ocupación para case 1.000 persoas durante máis de dous anos e, unha vez construído, o mesmo permitiríanos entrar nun novo tipo de mercado de reparacións de buques ao que hoxe non podemos acceder por non dispor dunha infraestructura das características como a que estamos a demandar.

Adecuar as instalacións de Navantia, ademais de servir para ser máis competitivos tamén na Area de Reparacións Fene-Ferrol, hoxe é unha prioridade que suporía poder aumentar o emprego no departamento de Carenas en máis de 600 persoas de maneira indefinida.

Ante a situación xeral de crise e o particular escenario no que se atopan os centros de Navantia na Ría de Ferrol, e cando estamos a falar dunha das Comarcas desta Comunidade Autónoma onde o paro afecta a case que 20.000 persoas, ningún goberno pode situarse ao marxe sen permitirse o luxo de renunciar á creación de 600 postos de traballo.

Esiximos que se cumpran os compromisos que a día de hoxe seguen pendentes de execución, entre os cales se atopa a construcción da 6ª fragata – (F 106) -, ou o buque similar para a Armada Española.

Reclamamos do Goberno Central unha maior implicación nas accións comerciais que está a realizar a empresa. Son uns contratos de semellantes contías económicas que sen o apoio do Goberno son difíciles de conseguir. Isto sabeno ben os países como Francia – onde o apoio de Sarkozy foi determinante no acordo para a construcción de 2 megabuques para Rusia -, ou Alemania que fixo o propio para quedar na fase final do concurso (lista corta) de cara á contratación do ALHD para Noruega.

Navantia ten que desenvolver tódalas súas capacidades productivas sen ningún tipo de restriccións políticas.

O futuro da empresa, a supervivencia dos estaleiros públicos da Ria de Ferrol e tamén o porvir económico da zona, dependen, e moito, de conquerir ou non o que estamos reivindicando, CARGA DE TRABALLO, XA.

Estas son as prioridades e a razón pola que os traballadores e traballadoras de Navantia se dirixen a nós, para, entre todos, propiciar que os gobernos, que son quen teñen as obrigas políticas e a capacidade económica para intervir, muden de actitude e resolvan favorablemente a difícil situación pola que estamos a pasar.

Por esas razóns, todos os grupos políticos do Concello de Fene, recollendo as suas inquedanzas:

1,- Transmitimos aos nosos concidadáns e ás institucións sociais de Fene o motivo do seu paso polo noso concello.

2,- Acordamos transmitir á Xunta de Galicia e ao Goberno de España esta declaración de apoio ás suas inquedanzas, para que se dote de carga de traballo de xeito inmediato aos estaleiros da ría e así poder manter e mellorar o nivel de emprego na Comarca.

  • ROCIO BERTOA PUENTE P.P.
  • IVAN PUENTES RIVERA PSdeG-PSOE
  • MANUEL POLO GUNDIN B.N.G.
  • M. CARMEN MARTINEZ RODRIGUEZ E.U.
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario