lunes, 13 de febrero de 2012

Conta atrás para a celebración do Entroido no concello de Fene


A Concellería de Cultura mantén aberto o prazo de inscrición para as comparsas que desexen participar no festexo

A concellería de Cultura e a Asociación Cultural O Tadetas ultiman os preparativos do Entroido fenés, unha festa para a que non se prevén recortes nesta edición. Segundo salienta a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, “non houbo cambios nas bases nin no orzamento destinado a estas festas que gozan de grande aceptación e seguemento, non só en Fene, senón en toda a comarca”.

Neste senso, igual que nas pasadas edicións, o Concello de Fene destinará un total de 4.400 euros para axudas ás agrupacións que acompañen ao Entroido nos actos programados para o mércores de cinza. As comparsas interesadas en participar, deben formalizar a súa inscrición e presentar toda a documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello (de luns a venres en horario de 9.30 a 13.30 horas, e os sábados de 9.30 a 13.30 horas) con anterioridade ás 13.00 horas do vindeiro venres 17 de febrero.

Programación
Cunha sesión de contacontos a cargo da compañía do Trinke-Trinke comezará este ano o Entroido no Concello de Fene. Esta primeira actividade, prevista para o xoves 16 de febrero ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal Pérez Parallé, titúlase “A ratiña presumida e o ratiño presumido”. Aborda o tema da igualdade de xénero nunha versión adaptada e dramatizada do conto popular, a cargo do rato da biblioteca.

O martes, 21 de febrero, de 17.30 a 21.30 horas, celebrarase na Praza do Concello unha festa infantil, amenizada pola Orquestra Madeira. Ademais, como se ven facendo nos últimos anos, na hora do descanso repartiranse entre os nenos e nenas que asistan todo tipo de lambetadas do Entroido. Esta degustación é posible grazas á colaboración dos establecementos: Panadería Ramón (Sillobre), Panadería “El Cruce” (Maniños), Panadería A Ábroa (San Valentín), Pastelería “Larpeiradas” (Perlío), Pastelería Amaría (Fene), Confitería Sara (Perlío) e Confitería Martínez (Fene).

Pero o día grande do Entroido fenés será o mércores 22 de febrero (mércores de cinza), xornada na que se celebrará o tradicional desfile e festival de comparsas. As agrupacións participantes reuniranse ás 17.30 horas na Rúa Río Cádavo (Perlío) para iniciar o desfile pola Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avda. Naturais. Finalizarán o percorrido na Praza do Concello onde, unha por unha, as distintas agrupacións subirán ao escenario e cantarán as súas coplas do Entroido. A continuación, será a lectura do testamento, a queima do boneco e os fogos de artificio. Arredor das 21.00 horas comezará o baile coa Orquestra Capitol.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario