jueves, 3 de noviembre de 2011

FENE ACOLLERÁ ESTE ANO O ACTO CENTRAL DO “DÍA DO PEÓN”



A concelleira de Cultura e Deportes de Fene, Rocío Bértoa Puente e Alberto Casal, directivo de Brinquedia, presentaron hoxe en rolda de prensa os actos previstos para o vindeiro día 11 de novembro, "Día do Peón".

Rocío Bértoa Puente, concelleira de Cultura e Deportes do
Concello de Fene, e Alberto Casal, directivo de Brinquedia




A celebración, prevista para o vindeiro 11 de novembro, é froito dun acordo entre o Concello de Fene e Brinquedia
Baixo o lema “Polo San Martiño, peóns ó camiño”, a Rede Galega de Xogo Tradicional “Brinquedia” promove un ano máis a celebración do Día do Peón en centros educativos, concellos e entidades asociativas de toda Galicia. Desta vez o acto central terá lugar no Concello de Fene o venres 11 de novembro entre as 11:00 e as 13:00 horas. Desenvolverase na pista polideportiva e no local do CCRD de Perlío (en caso de choiva, trasladarase ao pavillón do Colexio Jorge Juan).

O programa previsto para esta xornada é o seguinte:
- De 11:00 a 12:00 h, chegada dos participantes, visita á exposición elaborada pola asociación Amic’s da Baldufa (Cataluña), proxección de documentais e obradoiros no CCRD de Perlío
- Ás 12.00 (na pista do CCRD de Perlío), lectura do manifesto do “VII Día do Peón” a cargo do seu autor, o escritor fenés Ramón Loureiro.
o Canto a corro da canción do peón “Fago o camiño”, do grupo Ourensons
o Lanzamento conxunto do peón por parte de todos/as os/as participantes.
o Presentación da viñeta de J.C. Sardiña coa alegoría do día do peón
- De 12:30 a 13:00 h, tamén na pista, xogos co peón e obradoiros nas instalacións do CCRD de Perlío.
- Asemade, repartiranse entre os asistentes pegatinas alusivas ao “Día do peón” e algunhas buxainas realizadas por un artesán de Fene (Rivera).

Dende hai varios anos Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional promove na xornada do 11 de novembro (San Martiño) o Día do Peón. A convocatoria propón algo ben sinxelo: que en cada recuncho de Galicia, ás 12 da mañá do Día de San Martiño, os centros participantes promovan un acto central onde o peón sexa o protagonista. O obxectivo desta actividade é recuperar as prácticas lúdicas tradicionais, neste caso concreto o xogo do peón. Tamén se pretende “implicar a distintos organismos oficiais e da administración na promoción e difusión do patrimonio lúdico”.

Segundo os organizadores, a repercusión e participación no Día do Peón medra ano tras ano (acadando nas últimas edicións cifras superiores ás 9.000 persoas). A convocatoria non só vai dirixida aos centros de ensino, malia seren os maiores organizadores desta campaña, senón tamén aos concellos, asociacións, institucións e mesmo a colectivos de galegas/os no exterior.

A convocatoria anual do Día do Peón designa unha localidade galega na que se realiza o acto central do día. Noutras ocasións teñen sido grandes cidades -Ourense, Santiago, Pontevedra- ou vilas como Noia e Melide, as que acolleron tal evento, pero o Día do Peón 2011, a resultas do acordo de colaboración entre a Concellería de Cultura e Deportes e Brinquedia, terá como sede do seu acto central a parroquia de Perlío no Concello de Fene.

Polo momento xa confirmaron a súa participación diferentes centros de ensino de Fene e da comarca, agardando que ata o día 8 sigan chegando adhesións. Uns como o Colexio Jorge Juan ou o CEIP Mosteiro de Caaveiro da Capela, participarán no acto central en Fene. Outros desenvolverán as súas actividades nos propios centros.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario