viernes, 28 de octubre de 2011

“MULLERES MARIÑAS” DE CARME ROMERO, NA CASA DA CULTURA DE FENE


A artista fenesa amosará do 2 ao 16 de novembro unha colección de cerámica e pintura inspirada na muller e no mar


Nove esculturas, dez vasillas e ao redor dunha ducia de cadros, compoñen a exposición “Mulleres mariñas” de Carme Romero. A pintora e ceramista presenta na Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22) unha colección de figuras e vasillas realizadas en barro refractario cocido a 1260º, con esmalte, porcelana e cobre. Tamén inclúe unha serie de óleos nos que se aborda a temática da muller e o mar.

A exposición “Mulleres mariñas” permanecerá na Casa da Cultura de Fene dende o día 2 ao 16 de novembro. O horario de visitas será de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, e os sábados, de 10:00 a 13:00 horas. O venres 4 de novembro ás 19 horas celebrarase o acto de inauguración da mostra.

Carme Romero (Fene, 1964) formouse como ceramista en Madrid, da man de José María Garí. Estudou durante dous anos a especialidade de esmaltes e corda seca na Escola de Adultos “Dulce Chacón”. Dende o ano 1993, impartiu clases como monitora de cerámica no taller da asociación de veciños “La Unión de Hortaleza” e dirixiu distintos seminarios de cerámica nos colexios “Méndez Núñez” e “San Miguel” de Madrid.

“Mulleres mariñas” é a cuarta exposición que Carme Romero realiza a título individual (logo de amosar a súa obra no Centro Cultural Federico Chueca (2001), no Centro Cultural Santa Virgilia (2004) e na Asociación Cultural “Danos Tiempo” de Madrid. Asemade, ten participado en distintas exposicións colectivas: Club Social de Madrid (2000); Taller de cerámica da AAVV La Unión de Hortaleza, no Centro Cultural Santa Virgilia (2002) e no Silo Huerta de la Salud (2005); Taller de cerámica en festas de Hortaleza (2006-2009).





No hay comentarios:

Publicar un comentario