
A exposición poderá visitarse do luns 3 ao venres 28 de outubro na Sala de Exposicións da Casa da Cultura (Avda de Conces, 20-22). O horario de apertura ao público será de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, e os sábados, de 10:00 a 13:00 horas.
“O Courel” é a primeira mostra colectiva da sección de fotografía do Grupo Baźan. A exposición inclúe instantáneas dos fotógrafos/as Miguel A. Calvo, Comba, Ángel A. García, Pablo G. Juárez, Gelis López, Fran Nieto, Marimar Pazos, Javier Piñeiro, Xoel Rodríguez, Beatriz Rodríguez García, Mª Jesús Villamar, Anabel Viñas, Inés Díaz, Carlos Cruz e Guillermo de Castro.
“O Courel” está formada por 30 fotografías (tamaño 40x60 cm.) nas que se recollen as diferentes visións dos/as participantes ao redor da paisaxe deste espectacular enclave natural da montaña lucense.
A sección de fotografía do Grupo Bazán creouse en 1994 da man de Francisco M. Gómez Costoya. Logo dunhas clases impartidas polo fotógrafo Manolo Campoy, os participantes decidiron reunirse cada venres no Grupo Bazán para desenvolver distintas actividades relacionadas co mundo da fotografía. A partir do ano 2008, coa proliferación das máquinas dixitais, comezou a multiplicarse o número de socios/as, pasando da ducia inicial aos 56 que son na actualidade.
Cun blog propio en internet (fotografiagrupobazan.blogspot.com), as actividades dos afeccionados ferroláns durante estes anos foron encamiñadas a potenciar esta sección para o que se impartiron cursos de iniciación, fotografía avanzada, photoshop, fotografía para nenos, retrato, etc. Tamén, ao longo do tempo, algúns dos socios/as da entidade teñen gañado certames fotográficos a nivel local, galego, español e mesmo internacional.
No hay comentarios:
Publicar un comentario