

A Biblioteca Xose María Pérez Parallé acolle este venres 30 de setembro, ás 18.00 h, o espectáculo de contacontos de Raquel Queizás “Contos no tendal”. A función encádrase dentro do programa Camiños da Cultura da Xunta de Galicia e vai dirixida a grupos de nenos/as maiores de 3 anos ou familias.
“Colgadas no tendal, as letras sentan ao sol a facérense cóxegas e bailar unhas coas outras. A roupa tamén quere xogar coma elas: as pinzas axudan a un pano a medrar até se converter nunha montaña, unha toalla foxe correndo entre as cordas... ou é un can de palleiro?. É que neste espectáculo no que se xoga a tensar os límites entre os contacontos, os títeres e a pantomima, case nada é o que parece.
Grazas a unha técnica de manipulación de panos inspirada nos mestres de marionetas orientais o escenario pasa de amosar pezas de roupa secando ao sol a ser o interior dun castelo, un mar poboado por sereas, ou a cova dun feroz polbo gardián dun tesouro.”
Inspirado nas lembranzas de moitas tardes escoitando as historias da súa avoa namentres tendían a roupa ao sol de agosto, Raquel Queizás preparou este espectáculo “para presentar a tradición oral á nova xeración de nativos dixitais”.
Raquel Queizás é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela (1998). Cursou estudos de Artes Escénicas (interpretación, clown, improvisación, expresión corporal, bufón, commedia dell'arte, danza teatro, mimo, voz e canto, acrobacia, manipulación e fabricación de títeres,etc.) en diferentes centros ou encontros de formación (UNIMA Aragón, Sala el Montacargas de Madrid, RESAD, Sala DT, Taller de teatro Asura, PROEXDRA, Estudio 3, Aula de Teatro de Santiago de Compostela, Espacio Aberto).
Na actualidade forma parte do elenco da compañía Galitoon, na que participa nas obras Rosalía, a pulga que escribía, Os limóns, Golulá, e A Festa dos Axóuxeres. Actividade que compaxina con varios espectáculos de contacontos, Contos Pícaros, Contos do Cestiño, Soñadora das Árbores, Contos no Tendal, etc. dentro dos programas Letras Vivas e Camiños da Cultura da Xunta de Galicia, e coa realización de diversos obradoiros para nenos (animación á lectura, teatro, curtametraxes e “stop- motion”, expresión corporal, etc)
No hay comentarios:
Publicar un comentario