miércoles, 6 de julio de 2011

A Casa da Cultura de Fene acolle dende o vindeiro xoves a exposición do 9º Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado

Foto gañadora 2_Angeles city

Foto gañadora 1_Angeles city

A mostra recolle as mellores instantáneas presentadas ao certame, convocado pola Deputación da Coruña

O fotógrafo residente en Madrid Diego Vergés Requejo foi o gañador da IX edición do premio de creación fotográfica Luis Ksado por “Ánxeles City”, unha serie de doce instantáneas que xiran en torno ao mundo da prostitución.
Ademais da obra de Vergés, o xurado seleccionou outros cinco traballos fotográficos que completan a exposición itinerante que organiza a Deputación da Coruña, así como o correspondente catálogo. Estes son: “A supervivencia do mar”, de Pedro Pablo González Rodríguez; “Malapascua Island”, de A. Benitez Barrios; “Loita africana”, de Javier Fernández Ferreras, “Alterra”, de Ton Arias, e “A cidade transitada”, de María Sainz Arandia.
Cento un fotógrafos presentáronse ao 9º Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado, fallado en outubro de 2010. O xurado estivo integrado por prestixiosos profesionais do mundo do fotoxornalismo como Xurxo Lobato (comisario da exposición), Manuel López, César Quián, Pablo Juliá ou Tino Soriano.

Currículo do gañador
Nacido en 1982, Diego Vergés conta xa, a pesar da súa mocidade, cunha dilatada traxectoria profesional. É licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid, técnico de imaxe e traballou como fotógrafo independente desde 2007 para diversas empresas e institucións.
Varias das súas fotografías foron recollidas en medios especializados como a revista Superfoto e, entre outros premios, recibiu o primeiro premio de fotografía en branco e negro da Deputación de Burgos en 2008, o premio internacional de fotografía “Rafael Ramos” e o segundo premio de certame de fotografía solidaria “Cidade de Ceuta”.

A exposición do 9º Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado permanecerá en Fene ata o vindeiro 25 de xullo. O horario de visitas será, de luns a venres, de 10:00 a 14:15 horas.
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario