lunes, 30 de mayo de 2011

A Casa da Cultura de Fene acollerá dende o vindeiro mércores a exposición do XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo


A mostra, organizada pola Deputación da Coruña, recolle as obras gañadoras ou seleccionadas polo xurado na última edición do certame. Trátase dunha serie de pinturas, esculturas e fotografías de distintos estilos e temáticas “que integran un eclético escaparate das tendencias, vangardas e estilos da arte actual na provincia”.

Algúns dos artistas representados nesta exposición son: Nono Bandera, “referencia nacional no terreo do apropiacionismo. A súa estratexia consiste en apropiarse de traballos xa feitos para repintalos e dotalos de novos significados”. Jorge Perianes, artista novo cunha traxectoria brillante, que “revisita a tradición da pintura occidental para elaborar unha particular imaxinería na que os insectos, as vanitas ou mesmo a destrución serven como punto de partida para redactar unha linguaxe absolutamente persoal”. Tamén participa Juan Carlos Meana cunha serie de fotografías nas que se nos introduce nunha paisaxe inquedante e chea de contidos subliminais”. E Tamara Feijoo, quen “recorre ao debuxo para crear unha serie de autorretratos nos que o humor ou mesmo a ironía fannos cuestionar tradicións firmemente asentadas na nosa longa e densa memoria cultural”. Todos estes artistas serven como unha resumidísima carta de presentación, como un índice que representa a unha nómina bastante máis ampla de fantásticos creadores: Itziar Ezquieta, Stephane, Gerard Lutier, Helena Segura Torrella, Anne Heyvaert, Monica Cobo, Eduardo Valiña...”

O Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo pretende potenciar a produción artística en todos os seus ámbitos e estimular a aparición de novos talentos na provincia. A maiores, réndese homenaxe “a un nome que suxire a creatividade e a contemporaneidade de Galicia”.
A exposición do XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo permanecerá en Fene dende o mércores 1 ata o martes 14 de xuño na Casa da Cultura.

O horario de visitas será de luns a venres, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 21:00 horas.
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario