jueves, 14 de abril de 2011

O pavillón da Xunqueira acolle esta fin de semana a III Exhibición de Ximnasia Rítmica “Concello de Fene”



A Concellería de Deportes de Fene organiza para este sábado, 16 de abril, a III Exhibición de Ximnasia Rítmica “Concello de Fene”. A demostración comezará ás catro do serán e prolongarase ata as oito no pavillón da Xunqueira de San Valentín. A edil de Deportes, Carmen Silvar, salientou este mediodía en rolda de prensa a elevada participación que se prevé este ano con 459 nenas de 21 clubs de toda Galicia.

“Fomentar a ximnasia rítmica a nivel de escolas” é o obxectivo da terceira exhibición que se celebrará esta fin de semana en Fene. Segundo explicou a monitora da Escola Municipal de Ximnasia Rítmica, Mariana Parga, o que poderán ver os espectadores este sábado no pavillón da Xunqueira serán exercizos de conxuntos e individuais.



As nenas que tomarán parte no encontro terán idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos. Actuarán, polo tanto, “nenas que están comezando coa ximnasia rítmica, outras que compiten a nivel federado e mesmo algunhas que están a preparar os campionatos galego e estatal”. A maiores, tamén participarán nesta terceira exhibición as alumnas de dúas escolas de baile moderno e unha de bailes de salón. Ao remate da xornada, a organización entregará diplomas e agasallos a todas as participantes.

En previsión dunha elevada afluencia de espectadores ao evento, a concelleira de Deportes de Fene adiantou que axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil regularán o tráfico e o aparcamento nas inmediacións do pavillón (habilitándose como zona de estacionamento o patio do colexio A Xunqueira).
Por último, Carmen Silvar agradeceu a colaboración de Supermercados Gadis e da Floristería A Camelia coa III Exhibición de Ximnasia Rítmica “Concello de Fene”.

LISTADO DE CLUBS E ESCOLAS PARTICIPANTES NA III EXHIBICIÓN DE XIMNASIA RÍTMICA “CONCELLO DE FENE”
  • 1. Club Acordes
  • 2. Club Acordes Pontedeume
  • 3. Club Brio
  • 4. Club Esquío Ares
  • 5. Club Esquío Ferrol
  • 6. Club María Barbeito
  • 7. Club Saraiba
  • 8. Club Tempo
  • 9. Club Ximnasia Pavillón
  • 10. Colexio Ponte de Xuvia
  • 11. Colexio Santa María do Mar
  • 12. Escola de Baile Agarimo – Sillobre
  • 13. Escola de Baile Maniños
  • 14. Escola de Baile Mugardos
  • 15. Escola Municipal de Abegondo
  • 16. Escola Municipal de Ares
  • 17. Escola Ximnasia Acordes
  • 18. Escola Ximnasia Porta Norte
  • 19. Escola Ximnasia Vagalume
  • 20. Escola Municipal de Fene
  • 21. Asociación Inferniño
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario