martes, 22 de marzo de 2011

Xornadas sobre Información Dixital e xornalismo na rede. A comunicación total


O Club de Prensa de Ferrol, o Concello de Fene e a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) organizan estas xornadas orientadas a todo o mundo e non só aos xornalistas

Durante 4 días achegaranse a Fene os mellores especialistas na materia e tamén o alcalde de Jun (Granada) que contará a súa novidosa experiencia de crear servizos dixitalizados a baixo custe neste concello

O Club de Prensa de Ferrol xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias e o Concello de Fene organizan unhas “Xornadas sobre Información Institucional Dixital e xornalismo na rede. A Comunicación total”. Son unha serie de ponencias centradas na comunicación dixital e que están orientadas a xornalistas en xeral, gabinetes de prensa de concellos, empresas, organismos públicos ou privados, entidades sociais, políticos ou empresarios.

As xornadas comezarán o luns 28 de marzo ás 18.30 horas coa ponencia de Carlos Agulló, subdirector de La Voz de Galicia e delegado en Ferrol. Agulló falará das “edicións dixitais locais nun xornal autonómico de proxección nacional”. Tamén na xornada do luns falará Diego Pena Luaces do Concello de Lugo-Deputación de Lugo que explicará o proxecto PARNET-TIC. Este proxecto configúrase como un proxecto de servizos dixitais no medio rural. Intégrase no programa de Cooperación Territorial Espazo Sudoeste 2007-2013 da Unión Europea. Con este proxecto preténdese constituir unha Rede de Territorios Rurais para o acceso á Sociedade da Información, que serva para o intercambio de información e de coñecemento.

O martes 29 de marzo o xornalista Oscar Reboiras do departamento de comunicación de R falará das redes sociais e os blogs na comunicación local. Gabino Porto achegará a súa experiencia de Si.radio.net que é unha radio corporativa dixital conformada nunha rede de radios locais na comarca de O Condado en Pontevedra. Por último o martes intervirá Manuel Barreiro experto en contidos na rede.

O mércores 30 de marzo achegaranse a Fene dous directores de xornais dixitais. Por un lado Xurxo Salgado, director de galiciaconfidencial.com e José Luis Gómez, director de xornal.com e Xornal de Galicia.

E o xoves 31 de marzo o profesor da Facultade de Ciencias da Comunicción da USC Manuel Gago falará do galego no xornalismo dixital. As xornadas rematarán coa intervención do alcalde de Jun-Granada José Antonio Rodríguez. Este concello declarou internet como dereito universal e ten todos os servizos do municipio dixitalizados e a baixo custe. Montou unha das primeiras redes cidadás do mundo.

O presidente do Club de Prensa de Ferrol Xan Morales destacou que a inscrición das xornadas pódese facer na páxina web do club de prensa, www.clubdeprensadeferrol.com . O presidente da entidade xornalística recalcou que a inscrición é libre e gratuita e afirmou que estas xornadas son clave para entender o momento “revolucionario” que viven os medios de comunicación e a comunicación na súa totalidade. “Estamos nun momento de alta incertidume sobre o futuro dos formatos informativos”, afirmou Morales. “Non sabemos que pasará co soporte papel nuns anos e que pasará coa televisión e a radio convencional” Parece que as redes sociais, os blogs e os portais dixitais están revolucionando a comunicación, engade o presidente do Club de Prensa de Ferrol.

A concelleira de Comunicación de Fene Carmen Silvar abriu esta presentación das xornadas destacando a sensibilidade do Concello de Fene por estes temas da comunicación, das redes e das novas tecnoloxias.

O alcalde de Fene Iván Puentes destacou a colaboración da FEGAMP neste proxecto do Club de Prensa de Ferrol e tamén o interese do Concello de Fene nestas xornadas nun momento de cambios bruscos no eido da comunicación. Puentes referíase ao título de comunicación total onde “xa non só os xornalistas son responsables da información senon tamén os políticos, as empresas, as entidades sociais e os veciños organizados a través de redes sociais e de blogs. Este é un momento de fruxos polidireccionais onde a comunicación fluie por todos os recunchos da vida a través dos soportes dixitais”. O Concello de Fene aposta polas novas tecnoloxias co patrocinio destas xornadas e tamén coa instalación do Wifi en distintas ruas e prazas do Concello de Fene. O Alcalde invitou aos veciños a inscribirse e a presenciar estas xornadas de alto nível. A entrada é libre e gratuita.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario