sábado, 26 de febrero de 2011

A Xunta de Galicia remite xa ao Concello de Fene o documento de referencia do Plan de Urbanismo

O Goberno Galego resposta así ao documento de inicio do PXOM, que fora remitido hai dous meses polo Concello para o seu informe pola Consellería de Medio Ambiente.

Este documento de referencia inclúe tan só pequenas recomendacións que serán tidas en conta á hora de redactar o plan de urbanismo, pero en liñas xerais corrobora a análise, os datos e os plantexamentos de ordenación contidos no documento de inicio elaborado polo Concello.

Os traballos entran agora na seguinte fase, a elaboración do primeiro borrador do novo plan de urbanismo, que deberá estar listo no mes de xullo.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras remitiu xa ao Concello de Fene o documento de referencia para a revisión do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) de Fene. Dase así o segundo paso nos traballos de redacción do novo plan de urbanismo, logo de que no mes de decembro o Concello enviase á Xunta de Galicia o chamado “documento de inicio”, un estudo técnico da situación actual do Concello (habitantes, tendencias da poboación, problemas que plantexa o actual PXOM, vivendas vacías, tipoloxía de chans, afección do Plan do Litoral…) e dos obxectivos que se perseguirán co novo PXOM que se redacte (sostibilidade, mobilidade, corrección na calificación de chans mal clasificados, crecemento poboacional, zonas de agrupamento de poboación, elementos a protexer…)

O documento de referencia remitido agora pola Xunta de Galicia ben a ser a resposta do Goberno Galego a ese documento de inicio e del dedúcese que a Consellería de Medio Ambiente respalda as liñas mestras do traballo feito ata agora polo equipo redactor do plan. Así, a Xunta tan só lle propón ao concello pequenas suxestións como coordinar a ampliación de Vilar do Colo co Concello de Cabanas (algo que xa está feito) informar da revisión do PXOM aos concellos veciños e ás entidades de Fene (cousa que tamén xa se está a facer) ou ter en conta o Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio, aprobados esta semana, e as calificacións de chan recollidas na Lei do Solo de Galicia, ademais de remitir un esbozo das propostas que lle foron achegadas a título particular. Suxestións todas elas que serán tidas en conta agora polo Concello á hora de redactar o primeiro borrador do PXOM.

Iván Puentes, Alcalde de Fene, destaca a evolución do proceso de revisión do plan e valora como moi positivo o cumprimento dos prazos: “A revisión do documento vai cumprindo os prazos previstos e nos vindeiros días reunirémonos de novo cos grupos políticos para expoñerlles este documento de referencia e de acordo con el recoller as súas propostas para o novo PXOM”.

Así, tal e como xa confirmara o Alcalde hai unhas semanas, o goberno socialista pretende consensuar cos diferentes partidos e entidades do concello as propostas que cada quen teña sobre o novo plan para ilas incorporando ao mesmo ao tempo que se vai redactando. De tal xeito que cando en xullo se presente o avance do PXOM, antes de que se inicie o primeiro período de alegacións, este recolla xa as aportacións veciñais.

A este respecto, Iván Puentes recalca de novo que “o novo Plan de Urbanismo ten que ser un plan de todos e de todas, que sirva para construír un pobo con máis calidade de vida e con máis futuro. Será un plan no que primen os intereses dos veciños e veciñas, non os do ladrillo e por iso falaremos e consensuaremos cos cidadáns de Fene cada paso que se dea”.


Os tipos de chan


O avance do PXOM que se presentará no mes de xullo será o primeiro documento no que xa se proporá a calificación de cada parcela do termo municipal como urbana consolidada, urbana non consolidada, suelo de núcleo rural, suelo industrial, suelo rústico apto para urbanizar, suelo rústico de protección… A día de hoxe non hai calificado un só metro cadrado de chan en Fene, simplemente porque o Documento de Inicio é un estudo puramente técnico que non ten ese cometido.

A diferencia do que sucedía no pasado, hoxe a clasificación do chan non depende practicamente nada da vontade do Concello. Logo da aprobación en 2003 da Lei do Suelo de Galicia, á que o actual Plan de Urbanismo de Fene aínda non se adaptou, están tipificadas perfectamente as características que debe reunir un chan para clasificalo dun determinado xeito. Ademais, a clasificación das parcelas de acordo coa Lei do Suelo, a adaptación do noso Plan a esa lei, será requisito indispensable para que a Xunta aprobe ao final o novo Plan de Fene. Isto tamén variou, antes os Plans de Urbanismo os aprobaban os concellos logo de revisalos a Xunta de Galicia, pero agora é a propia Xunta a que aproba definitivamente os PXOM.

Adaptándonos á Lei do Suelo de Galicia, poden ser urbanos consolidados os suelos que, ademais de formar parte dunha malla urbana, teñan todos os servizos (auga, luz e electricidade) urbanos non consolidados os que se integren nunha malla urbana, pero non teñan todos os servizos; suelos de núcleo rural todos aqueles que se integren en núcleos de poboación sen tipoloxía urbana, teñan ou non servizos e rústicos, os destinados a usos non residenciais.

No caso concreto de Fene, a intención do Goberno Municipal para cando se redacte o Avance do Plan, no mes de xullo, é manter os núcleos centrais das parroquias como suelos urbanos, consolidando estes núcleos e favorecendo o seu desenvolvemento.

A diferencia co actual PXOM está naquelas zonas que circundan estes centros urbanos das parroquias e que seguindo a Lei do Suelo de Galicia deberán calificarse como suelo de nucleo rural, en lugar de facelo como urbano non consolidado. Para o Goberno Municipal isto, lonxe de ser unha traba, é unha oportunidade para fixar poboación e desenvolver as diferentes parroquias. A efectos prácticos, o suelo de NUCLEO rural (non rústico) ben funcionando igual que o que comunmente entendemos por un suelo urbano, é dicir, no suelo de núcleo rural pódese construír en parcelas pequenas (duns 300 m2.) o Concello pode dotalas de servizos e as cargas para os propietraios son menores incluso que no urbano non consolidado.

Cal é o problema do actual PXOM? Pois que moitos núcleos de poboación que, segundo a Lei do Suelo, deberían ter a consideración de suelo de núcleo rural están clasificados como urbanos non consolidados, é dicir suelos nos que os particulares que constrúan unha vivenda ou os que xa vivan alí están obrigados a custearse a extensión dos servizos básicos ata a súa parcela ou a urbanizar as inmediacións das mesma no momento de construír unha nova casa.

En resumo, o suelo de núcleo rural será o que lle permita aos veciños e veciñas construír con menos dificultades nas parroquias, o que lle permita ao Concello levar a auga e o alcantarillado a estes veciños e veciñas que a día de hoxe terían que custealos cos seus propios cartos e o que permita que a Xunta de Galicia autorice a construcción e o crecemento dos núcleos de cada parroquia.

Nunca debemos confundir o suelo de núcleo rural, que permite edificar e extender núcleos de poboación, co suelo rústico, no que en xeral non están permitidas as edificacións nin os núcleos de poboación.

Cando no mes de xullo se presente o primeiro borrador, o Avance do Plan de Urbanismo, abrirase formalmente o período de alegacións para que calquera cidadán poda presentar de xeito oficial as súas propostas e demandas. En todo caso, ata entón o Concello está a recibir propostas colectivas e individuais de entidades e veciños particulares que está a entregar xa ao equipo redactor do PXOM para o seu estudo e incorporación a ese primeiro borrador que se está a elaborar.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario