martes, 15 de febrero de 2011

E ti……qué sabes?

O Concello de Fene a través de Servizos Sociais ten en marcha un programa de prevención do consumo de drogas que se desenvolve nos centros escolares, que se denomina e ti...que sabes?
Os factores de risco para o consumo das drogas xeralmente proceden de tres campos: o individuo, a familia e o ambiente social máis ou menos próximo.

Este proxecto desenvolvese dende este último campo, interactuando co rapaz/a dentro do grupo aula co fin de incidir sobre a esfera cognitiva e persoal a través da análise e transformación dos seus coñecementos e ideas previas sobre as drogas e o consumo das mesmas e da adquisición de habilidades para a toma de decisións e o afrontamento de situacións de risco.

As persoas destinatarias deste programa son os rapaces e rapazas de 4º da E.S.O que están nos centros educativos do concello de Fene. En total traballarase con 6 grupos de entre 20 e 25 rapaces/as.

Os obxectivos do programa son:

Traballar habilidades sociais, de comunicación e de resistencia ás influencias co fin de que mozos/as as poidan incorporar ó seu repertorio conductual.

Proporcionar ao alumnado información veraz e obxectiva sobre as drogas, os riscos asociados a elas e os recursos comunitarios dirixidos a reducir ou paliar as consecuencias do seu consumo.

Reflexionar de forma crítica cos rapaces/as sobre o uso e a consideración social das drogas.

Analizar os usos que se fan do tempo libre e a relación co consumo de substancias.

A duración dos obradoiros é de catro sesións de 50 minutos de duración, dentro do horario lectivo, entre os meses de febreiro, marzo e abril.

Os contidos que se levarán a cabo nestas sesións partirán da premisa de que a nivel cognitivo informar so non basta, pois a decisión de consumir depende de aspectos máis relacionados cos valores e crenzas como a funcionalidade das drogas, a imitación de modelos, a valoración social das substancias; os efectos esperados, os estereotipos...

Por este motivo partirase da información que os rapaces/as teñen sobre as distintas drogas, para poder despois ir incorporando outros conceptos relacionados con elas (uso, abuso, dependencia, tolerancia...) e traballando sobre a redución de riscos durante o seu consumo. Ademais, buscarase a reflexión crítica sobre a consideración social destas substancias na sociedade, os distintos tipos de usos e os fenómenos asociados (como por exemplo o botellón). Neste sentido, fomentarase o debate sobre as situacións que rapaces/as poden vivir en relación con estas substancias, proporcionándolles ferramentas útiles para poder afrontalas adecuadamente.

A metodoloxía que se utilizará será participativa e activa, con moitas dinámicas e traballos en grupo e utilizando recursos audiovisuais, xogos, etc. para manter a atención do alumnado e espertar os seus intereses. Tamén haberá momentos de reflexión grupal e individual, posto que o que se pretende non é so proporcionar información, se non tamén desenvolver a súa capacidade crítica a través da análise da consideración social destas substancias e do achegamento á realidade de contacto con elas.

A metodoloxía baséase nos seguintes eixos:

- Partirase sempre dos coñecementos e ideas previas dos rapaces/as para, a partir de aí, ir deconstruíndo os seus estereotipos e aclarando conceptos básicos relacionados co consumo de drogas.

Para isto utilizarase actividades iniciais que lles permitan exteriorizar as súas ideas e actitudes previas como por exemplo choiva de ideas, cuestionarios ou textos e imaxes que fomenten a expresión de opinións.

Con fin de modificar os seus esquemas de coñecemento, actitudes e valores; e de analizar os factores persoais e ambientais que teñen influencia sobre cada un deles/as, partirase sempre que sexa posible das súas propias situacións e problemas concretos, xerando contradicións coas súas ideas previas e obrigando así a un proceso de actividade interna e crítica de cara a realidade. A resolución de casos en grupo e o debate sobre vídeos, imaxes, situacións e noticias actuais serán as principais ferramentas para conseguir isto.

As profesionais que participan son

A técnica municipal, responsable do programa será a pedagoga, Mª José Paz, encargada de coordinar as distintas actividades. As intervencións directas co alumnado serán desenvolvidas por persoal técnico de AtalaiA. Social, especializadas en educación social.

Os obradoiros levaranse a cabo durante os meses de febreiro, marzo e abril.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario