miércoles, 26 de enero de 2011
A Executiva dos socialistas de Fene propón a Iván Puentes por unanimidade candidato á Alcaldía de Fene
Este sábado celebrarase a Asemblea Municipal, na que a militancia socialista deberá elixir formalmente ao candidato a Alcalde.
A Executiva Municipal, órgano de dirección dos socialistas de Fene, acordou por unanimidade propoñer ao actual Alcalde de Fene, Iván Puentes, como candidato á Alcaldía para as vindeiras eleccións municipais do 22 de maio.
Unha vez acordada a proposta no seo da Executiva, agora deberán ser os militantes da Agrupación Socialista de Fene os que elixan definitivamente mediante o seu voto ao candidato a Alcalde, elección que se producirá na Asemblea de afiliados convocada para este sábado, 29 de xaneiro, ás 11:00 na sede do PSdeG-PSOE de Fene.
Antón Noceda, Secretario Xeral dos socialistas de Fene, afirma que “no ano 2007 iniciamos un proxecto de cambio para Fene que debe continuar e para elo confiamos no noso Alcalde, ao que lle solicitamos que encabece de novo un proxecto colectivo. Un proxecto que dende a esquerda nos permita superar a actual situación de crise e facer de Fene un pobo máis próspero, cun Goberno que siga a xerar emprego e prosperidade para os nosos veciños e veciñas.”
Pola súa banda, Iván Puentes recibe con “moita satisfacción e moita responsabilidade a confinaza unánime da dirección socialista de Fene, confianza que agardo recibir tamén do conxunto da militancia para canto antes saír unidos á rúa e explicarlle a cada veciño de Fene o noso novo proxecto para os vindeiros catro anos, un proxecto de transformación e de traballo infatigable para seguir transformando Fene.”
Logo de que esta fin de semana os socialistas de Fene elixan definitivamente ao seu candidato á Alcaldía, o candidato e a Executiva Municipal comezarán a elaborar a candidatura coa que o PSdeG-PSOE se presentará en Fene ás vindeiras eleccións municipais.
.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario