sábado, 4 de diciembre de 2010

O Concello de Fene pon xa a disposición da Xunta de Galicia os terreos precisos para ampliar o Instituto de Barallobre


A Xunta de Goberno deste xoves aprobará xa a segregación dos terreos municipais necesarios para que a Xunta de Galicia poda acometer por fin as obras de ampliación do IES Fene, que suporá un investimento de máis dun millón de euros. Con esta actuación ampliarase o actual edificio do Instituto nun dos seus extremos, sobre unha parcela que é propiedade do Concello, para construír un novo ximnasio e novas aulas.

A obra, reclamada desde hai anos pola dirección e a ANPA do centro e polo propio Concello de Fene, empezou a xestarse xa co anterior Goberno Galego, que deixou elaborado o proxecto constructivo e a partida orzamentaria necesaria para poder executala. Pola súa banda, no ano 2009 o Concello de Fene aprobou xa a cesión dos terreos precisos, pero a nova Xunta de Galicia, reclamou ademais que a parcela cedida fose segregada polo concello do resto de terreos municipais e agregada ao terreo que a Xunta de Galicia xa ten na zona, sobre o que se asentan o instituto de bacaharelato e o de formación profesional.

O Alcalde de Fene, Iván Puentes lembrou “a importancia dunha obra máis que necesaria para os alumnos e alumnas do IES Fene e para que o noso instituto siga sendo un dos de maior calidade educativa de Galicia”.

Na pasada primavera, dirección, pais e concello reuníronse co Secretario Xeral da Consellería de Educación para concretar a execucion da obra e chegaron a un acordo a dúas bandas. Antes do 31 de decembro o Concello de Fene resolvería a segregación dos terreos, que é xusto o que se fará este xoves na Xunta de Goberno, e no mesmo prazo a Consellería de Educación incluiría unha partida nos orzamentos da comunidade autónoma para poder executar xa no ano 2011 unha parte das obras.

Cumprido o acordo por parte do Concello, agora queda que a Xunta de Galicia cumpra tamén coa súa palabra e que a construcción do ximnasio e das novas aulas, responsabilidade da Consellería de Educación, se inicien canto antes.

O Concello de Fene informou xa verbalmenete á Consellería de que este xoves quedaría completado todo o trámite administrativo de segregación da parcela.


.

No hay comentarios:

Publicar un comentario