O alcalde “alarmado” polos plans da Xunta na educación pública en Fene
A sociedade de Fene non permitirá recortes suicidas do tecido escolar do municipio, declara o alcalde Iván Puentes
A Xunta prevee o desmantelamento de tres colexios e a eliminación de 34 postos de profesores no Concello, un auténtico “mazazo” para a educación pública de Fene
O alcalde convocou ao “Consello Escolar Municipal” para este luns coa intención de sumar esforzos de todo o pobo de Fene contra as intencións da Xunta de Galicia de acabar coa educación pública
Puentes fai un chamamento a toda a comunidade educativa para que acuda o luns á Casa da Cultura dado o trascendente do tema a tratar
A Xunta de Galicia a través da súa Consellería de Educación ten previsto realizar importantes modificacións do mapa e do tecido educativo fenés. Nun principio a administración autónoma preveía a amortización de 34 prazas de profesores en varios centros de ensino do termo municipal. Falamos de prazas que non sairán a concurso no momento que deixen de estar ocupadas por xubilación ou traslado, é dicir, amortízanse e desaparecen da estructura organizativa da Educación Pública en Fene. A Xunta ten previsto a amortización de 8 prazas de profesores en Centieras (Colexio Público de Perlío) ou no Ramo (Colexio Publico de Barallobre).
Para describir a importancia do “recorte” podemos aportar o dato que o número total de mestres no colexio O Ramo é de 17, polo que, a Xunta pretende “cargarse” o 45% do profesorado deste centro de ensino. Tamén hai recortes de 8 profesores na Xunqueira de San Valentín ou nos Casais (O Colexio Publico de Maniños) onde pretenden amortizar 8 prazas de mestres dun total de 12 do total do plantel e que suporá o peche do colexio. A Xunta tamén ten previsto o peche das unidades escolares de Sillobre e de Limodre. En definitiva, un auténtico “mazazo” para a educación pública en Fene, afirma o alcalde.
O Goberno Municipal convocou un Consello Escolar Municipal de carácter extraordinario para este luns na Casa da Cultura de Fene. Neste órgano de asesoramento están representados todos os sectores da sociedade fenesa. Directores de centros de ensino, ANPAS, movemento asociativo, grupos políticos e sindicatos. O alcalde afirma que “este tipo de decisións da Xunta de Galicia deben ser consensuadas co Concello, coas ANPAS, con outros centros xa que unha decisión deste estilo suporá un cambio importante no mapa de escolarización do Concello e afectará ao futuro dos centros, non só como prestadores dun servizo público, que temos e debemos de defender, senon tamén como centros de equipamento público que afectará tamén á planificación municipal de Fene”. O alcalde de Fene está alarmado e preocupado polos plans da Xunta de Galicia que quere desmantelar parte do tecido educativo fenés. Puentes engade que o pobo de Fene non se quedará cos “brazos cruzados” e sumaremos esforzos para loitar “polo noso”
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario