lunes, 25 de octubre de 2010
A biblioteca municipal de Fene acada os cinco mil usuarios
A biblioteca municipal “Pérez Parallé” está de noraboa. Neste mes de outubro ven de rexistrar ao seu socio número 5.000. Trátase dunha rapaza, veciña de Fene, á que xa se lle fixo entrega por parte da bibliotecaria, Sonia Iglesias, dun lote de libros axeitados á súa idade. Dende a concellería de Cultura, Xuventude e Deportes saliéntase a importancia de chegar aos cinco mil usuarios na biblioteca municipal de Fene xa que supón que máis dun terzo da poboación do concello se fixo usuaria nalgún momento da súa vida deste servizo.
A biblioteca municipal “Pérez Parallé” de Fene leva funcionando dende o ano 1983. Na actualidade pon a disposición dos seus usuarios máis de trinta mil documentos de todo tipo (libros, cd´s, dvd´s, etc.), incrementándose os seus fondos en aproximadamente mil trescentos títulos novos cada ano. A este respecto, cómpre sinalar a próxima incorporación ao fondo de audiovisuais dunha importante colección de películas doadas por un particular ou as axudas recibidas recentemente por parte da Consellería de Cultura para dar maior protagonismo ao cómic no seu catálogo.
Preto de doce mil persoas pasan anualmente pola biblioteca municipal de Fene. Delas, ao redor de mil cincocentas participan activamente nas distintas actividades que se organizan a cotío dende este departamento e que inclúen obradoiros, sesións de contacontos, teatro, conferencias, presentacións de libros, etc.
Logo da exitosa sesión de teatro para bebés que se celebrou o pasado venres na Casa da Cultura de Fene (coa asistencia de máis dun cento de persoas), para o que resta deste ano 2010 a biblioteca “Pérez Parallé” anuncia un interesante programa de actividades que incluirá as visitas da escritora Yolanda Castaño e do Duende Sico, obradoiros de arte, contos de Nadal e outras animacións dirixidas a todo tipo de público. Rematado o ano, segundo as estimacións da bibliotecaria Sonia Iglesias, teranse realizado nas instalacións da biblioteca ao longo deste 2010 máis dunha trintena de actividades.
A biblioteca municipal de Fene está situada no primeiro andar da Casa da Cultura de Fene (r/ Conces, 20-22. Fene. Teléfono 981-342302. Enderezo electrónico: fene@rbgalicia.org). Nestes intres o horario de apertura e atención ao publico é de luns a venres, de 16:00 h. a 21:00 h., e os sábados, de 10:00 h. a 13:00 h.
.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario