miércoles, 27 de octubre de 2010

Actividades escolares no Parque de Educación Viaria

Vista do Parque de Educación Viaria de Barallobre

O Concello de Fene presenta a nova programación de actividades escolares 2010-2011 no Parque de Educación Viaria de Barallobre.
Dende a Concellería de Cultura, Deportes e Xuventude do Concello de Fene convídase un ano máis aos centros de ensino da bisbarra a participar nos obradoiros teórico-prácticos que se desenvolverán na devandita instalación municipal ao longo do presente curso escolar.

As actividades van dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos e consisten nunha sesión teórica de introdución á seguridade viaria e nunha sesión práctica de percorrido polo circuíto. A duración total do obradoiro é de dúas horas (destinándose unha hora para a parte teórica e outra para a parte práctica). O número máximo de participantes por grupo ascende a 25.

Dende a Concellería de Cultura, Deportes e Xuventude lémbrase que as actividades están dirixidas por monitores especializados en educación viaria, sendo necesario que o alumnado veñan acompañado dun mínimo de 2 adultos (profesorado ou pais/nais, no caso de que sexa a ANPA a que organice a visita).

Os obradoiros son gratuítos, se ben o transporte de ida e volta dende o centro de ensino ao Parque de Educación Viaria correrá por conta do propio centro ou da ANPA que organice a actividade. De todos os xeitos, como novidade, o Concello de Fene ofrece para o curso escolar 2010-2011 a posibilidade de xestionar o servizo de transporte en autobús coa empresa Vieiros (consultar tarifas no Departamento de Cultura, Xuventude e Deportes do Concello de Fene). No caso de contratar o transporte coa empresa Vieiros, o custe do servizo deberá aboarse o mesmo día da actividade.

Un Parque para educar no respecto ás normas de circulación

O Parque Municipal de Educación Viaria de Fene está emprazado no antigo apeadoiro de Renfe, na parroquia de Barallobre. Conta cunha aula totalmente equipada e cun circuito homologado de 800 metros, dotado de karts eléctricos e a pedais así como de bicicletas e triciclos.

O Parque, inaugurado en marzo de 2007, ten como finalidade “educar no respecto ás normas de circulación”.

Para o desenvolvemento das actividades que se realizan nesta instalación municipal, os modelos de vehículos adaptados para cada grupo de idade son os seguintes:
  • Triciclos, coches a pedais e patíns de 3 rodas DE 4 A 6 ANOS
  • Bicicletas pequenas DE 4 A 8 ANOS
  • Bicicletas grandes DE 8 A 12 ANOS
  • Patíns de 2 rodas DE 6 A 14 ANOS
  • Karts DE 6 A 14 ANOS
Preto de 2.500 nenos e nenas de distintos centros da bisbarra participaron nos obradoiros escolares celebrados no Parque de Educación Viaria de Barallobre ao longo do curso pasado.

Solicitude de visitas ao Parque de Educación Viaria

Para solicitar unha visita ao Parque e participar nos obradoiros escolares é necesario cumprimentar a ficha de solicitude que se achega na documentación adxunta e enviala ao Departamento de Cultura, Xuventude e Deportes do Concello de Fene (Praza do Concello, s/n. 15.500. Fene. A Coruña). Tamén se pode enviar por fax (981-492788) ou por correo electrónico (cultura.deportes@fene.dicoruna.es ).

A mesma ficha de inscrición pódese descargar na páxina web do Concello. Pinche aquí.

Tamén se poden solicitar visitas complementarias ao Museo do Humor de Fene (ao mesmo tempo que un grupo participa nas actividades do Parque de Educación Viaria, outro visita o Museo).

Unha vez atendidas as solicitudes dos centros, as datas e horarios dos obradoiros adxudicaranse por orde de chegada da solicitude.

Máis información no Departamento de Cultura, Xuventude e Deportes do Concello de Fene (Teléfono 981-340366).

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario