miércoles, 28 de abril de 2010

ZAPATERO DEIXA CLARO A JORQUERA QUE AÍNDA NON OBTIVO RESULTADOS NA UE PARA LEVANTAR O VETO A NAVANTIA FENE E NON DÁ GARANTÍAS DE QUE VAIA CUMPRIR O SE

O deputado do BNG lembrou ao Presidente que a UE “autorizou recentemente axudas públicas a distintos estaleiros polacos sen lles impór a prohibición de construir buques”

Madrid, 28 Abril 2010. O Presidente do Goberno español, José Luis Rodríoguez Zapatero, deixou claro na súa resposta ao deputado do BNG, Francisco Jorquera, que aínda non obtivo ningún resultado nestes meses de Presidencia española da UE para levantar o veto que pesa sobre Navantia Fene para construir buques civís e non ofrece garantías.

Zapatero non dá garantías sobre Navantia Fene

O deputado do BNG dirixíase a Zapatero na sesión de control ao Goberno para preguntarlle que xestións levou a cabo no semestre de Presidencia española da UE para cumprir cos compromisos asumidos con Galiza, entre eles, que o estaleiro galego volte á construción naval civil.

Na súa resposta ao deputado nacionalista, o Presidente do Goberno español non deu ningunha garantía de que vaia cumprir o seu compromiso asumido co BNG en varias ocasións. Zapatero escudouse no feito de que “a situación actual do sector naval, e en concreto a do estaleiro galego, non é a mellor das posíbeis” e refuxiouse nun xenérico “seguimos a traballar e esperamos ter resultados”.

Jorquera lembrou ao Presidente que a semana pasada emprazou ao BNG a manter un diálogo bilateral sobre esas cuestións, “pois ben, poña día e hora porque nós sempre estamos dispostos ao diálogo”. Mais, puntualizou, “vosté tamén ten que respostar ante esta Cámara porque é aquí onde se comprometeu co BNG”.

Asemade, referiuse ás resolucións aprobadas con motivo do Debate de Política Xeral do ano pasado, onde se aprobou unha resolución do BNG que emprazaba ao Executivo a realizar xestións na UE sobre Navantia Fene. “Qué actuacións levou a cabo o seu Goberno? Como é posíbel que o Ministro de Industria diga que non se iniciaron xestións para a reapertura do expediente de Fene, porque podería obrigar a devolver as axudas públicas concedidas no seu momento ao grupo Izar? Descoñece o Ministro os compromisos asumidos por vosté?”, inqueriu Jorquera.

Zapatero apelou “á prudencia do Ministro de Industria que ten que ser prudente nun tema difícil”. Como avaliación a posteriori, Jorquera enfatizou que “moita prudencia si pero o Ministro aínda non formalizou a solicitude de petición de reapertura do expediente”.

Neste sentido, salientou o feito de que a UE autorizase recentemente a concesión de axudas públicas a distintos estaleiros polacos “sen lles impór, como a Fene, a prohibición de construir buques”. De igual xeito, “a UE autorizou tamén axudas públicas á banca ou ao sector do automóvil”. “Como vosté dixo, as condicións son favorábeis á negociación”, enfatizou Jorquera. E demandou ao Presidente do Goberno que “nos escasos dous meses que quedan para rematar a Presidencia española da UE, diga se vai cumprir os seus compromisos con Galiza”.

Nada concreto sobre o sector lácteo e o pesqueiro

Ademáis deste tema, Jorquera tamén se referiu a outros sectores estratéxicos para Galiza como o lácteo. Tamén “lle emprazamos a negociar a defensa da capacidade produtiva láctea e a correxir os actuais desequilibrios nos dereitos de produción”.

Nesta cuestión, Zapatero tampouco foi quen de falar de resultados concretos. Respeito á política agraria, sinalou que se incluiu a PAC como elemento relevante na estratexia 2020 debido á súa cohesión territorial. E no que atinxe en concreto ao sector lácteo, só indicou que “é de especial preocupación” e que existe un Plan específico.

No relativo á política pesqueira, afirmou que “aínda están abertas as negociacións sobre a Política Común de Pesca”. Na réplica a Jorquera, o Presidente do Goberno limitouse a afirmar que “en todos os temas citados traballaremos a fondo”.


No hay comentarios:

Publicar un comentario