A falla de compromiso do goberno de Iván Puentes coas sociedades de Fene vai provocar unha caída en picado das actividades máis senlleiras do noso concello. O atasco orzamentario ao que ten sometido o Psoe ao Concello de Fene ten como consecuencia, entre outros, o non pagamento das axudas comprometidas do ano 2009 ás diferentes sociedades para a organización de numerosos eventos. Actividades como a Xuntanza de Palilleiras, o Felipop, o Fenerock, a Festa do Cabalo, a Xuntanza de gaiteiros, o Slalom, a Festa da Orella, a Xuntanza de acordeonistas, o Certame de poesía Pérez Parallé, ou a Romaría do camiñante, son exemplos das moitas actividades ben organizadas que perigan na súa continuidade.
Os orzamentos prorrogados durante o ano 2009 e sen traza de orzamentos para 2010 está a facer insostible a prgramación destas actividades culturais, deportivas e gastronómicas, por parte das sociedades organizadoras. Ademais o recorte de axudas da Xunta de Galicia ven a agudizar máis se cadra unha situación que se fai pouco alentadora para o futuro.
O Consello Local do BNG faise eco das queixas que estamos a recibir do movemento asociativo na xira de visitas que estamos a realizar polas diferentes sociedades do concello." As sociedades de Fene saben que contan con nós" afirmou a responsábel local Ana I. Santiago.
Desde o Consello Local do BNG instamos ao Alcalde de Fene a que apure as xestión e as negociacións orzamentarias para non deixar na estacada a tantas persoas e sociedades que traballan todo o ano para por Fene no mapa dos eventos relevantes.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario