miércoles, 3 de diciembre de 2008

Bonifacio de la Cuadra relata as crónicas da súa vivencia como informador político no Parlamento no nacemento da Constitución

Bonifacio de la Cuadra relata as crónicas da súa vivencia como informador político no Parlamento no nacemento da Constitución
Publicado: Fene Cidadán
3 de decembro de 2008

O Periodista, avogado e escritor repasou o proceso dende o punto de vista periodístico e resaltou a importancia que para os dereitos humanos tivo o texto constitucional.
A Conferencia ofrecida esta tarde por Bonifacio de la Cuadra sobre as vivencias como informador político no Parlamento no proceso de redacción da Constitución do 78, ofreceu unha visión periodística, política e incluso anecdótica dun momento histórico para a memoria española.
O periodista relatou “como se conseguiron establecer ás regras do xogo democrático nun país que acababa de saír de corenta anos de ditadura”, e o complicado que resultou nese momento a cobertura informativa nos primeiros pasos da redacción do texto constitucional.
“A nosa vontade, explicaba, era a de contar como se estaba a desenvolver este cambio, pero na etapa da Ponencia Constitucional había un sistema de confidencialidade tal que o único que recibiamos eran novas a contagotas”.
Bonifacio de la Cuadra destacou tamén a importancia que de cara á redacción do texto tiveron as filtracións do borrador da Constitución,que veu a demostrar que “tiñamos un bo texto, pero que a sociedade daquel momento non estaba preparada para dixerir os cambios que este ía implicar”.
A resposta social produciu un parón na seguinte fase de redacción, na que os debates xa contaban coa presenza de periodistas. O avance do texto tivo lugar no que Bonifacio de la Cuadra recorda aínda como as “tres semanas locas”, nas que cunha nova fórmula de reunións de despacho e ceas se conseguen aprobar 25 artigos.
Dende o punto de vista histórico, De la Cuadra falou da importancia que nese momento tiña ver nunha mesma sala a persoas enfrontadas durante catro décadas coa fin de redactar un texto que debía recoñecer dereitos que ata o de entón non tiñan cabida na sociedade española, e que había de supor un fito nos dereitos humanos.
Pero desta etapa tamén garda, tal e como deixou patente, un gran anecdotario da época, que vai dende como conseguiron algúns políticos entreter aos periodistas que esperaban ás portas do despacho, para que non fora pública a xuntanza na que participaba Arzallus, ata das diferentes reaccións xurdidas entre os políticos na elaboración da futura lei do divorcio.
Sen dúbida, concluía “un percorrido por unha época chea de cambios que deben permanecer na memoria de todos e todas, e que compre empezar a recuperar”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario