viernes, 16 de marzo de 2012

O IES DE FENE PARTICIPARÁ MAÑÁ SÁBADO NA FASE FINAL DA INICIATIVA “PARLAMENTO XOVE”

O Alcalde de Fene, Gumersindo P. Galego Feal, e a Concelleira de Ensino, Juana Barro Couto, desprazaranse a Santiago para apoiar ao alumnado de Fene
O alumnado do IES de Fene competirá, cun total de sete equipos procedentes doutros tantos centros educativos galegos, na fase final da iniciativa ‘Parlamento Xove’ da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, e na que participaron 28 centros de toda Galicia.

En concreto, este ano chegaron á última fase estudantes de primeiro e segundo de bacharelato dos seguintes centros: La Salle, de Santiago de Compostela; IES Becerreá; IES A Pinguela de Monforte; IES Laxeiro de Lalín; IES de Fene; IES Valle Inclán de Pontevedra; IES Leiras Pulpeiro de Lugo e IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

Os actos do ‘Parlamento Xove’ comezarán mañá no Parlamento de Galiza ás 9,00 horas e prolongaranse ata ás 13,00 horas, cando terá lugar o debate final. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presidirá o debate final no hemiciclo que versará sobre ‘Actúa a xuventude na actualidade consonte aos seus valores en favor do coidado do medio ambiente?’

O equipo gañador recibirá como premio unha viaxe conxunta. Ademais, cada membro do equipo finalista e o seu coordinador; así como os responsables do mellor dossier de investigación e o equipo redactor do mellor artigo recibirán unha tableta dixital.
O obxectivo deste concurso é fomentar entre a mocidade o diálogo e a argumentación razoada das ideas propias como ferramenta para o consenso. Así, para avanzar neste camiño, durante a experiencia os participantes tiveron que buscar información, elaborar artigos, realizar dossieres de investigación e, finalmente, debater a favor ou en contra dun tema proposto pola organización.

Desta forma, nas xornadas preliminares que tiveron lugar o pasado mes de febreiro, os mozos e mozas debateron sobre o papel da xuventude no contexto mundial actual e a reflexión que se buscou foi se a mocidade vai cara un modelo máis participativo ou máis individualista.

‘Parlamento Xove’ potencia habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Esta actividade fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais, así como o respecto polas ideas dos demais.
Esta actividade contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas: competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita; e compresión oral e escrita); competencia matemática, xa que en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; tratamento da información e competencia dixital; competencia social e cidadá porque contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; competencia cultural e artística, porque nos debates esíxese o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; e competencia para aprender a aprender e iniciativa persoal.

Unha das novidades desta edición de ‘Parlamento Xove’ foi a incorporación dunha nova fase de formación para os equipos inscritos, que se desenvolveron en varias fins de semana de decembro e xaneiro en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Neste curso os alumnos participantes recibiron coñecementos de oratoria enfocada ao funcionamento dos campionatos escolares de debate.

Este ano realizarase unha competición paralela de carácter experimental para alumnos de 3º e 4º de ESO durante o mes de abril. En anos anteriores, os alumnos de ESO participaban xunto cos de bacharelato, pero as diferentes idades traían consigo diferenzas moi importantes na competición, polo que este ano tense decidido realizar unha competición paralela para estas idades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario