Os nacionalistas de Fene rexistran unha petición de Pleno extarordinario para apoiar a convocatoria sindical.
Xunto coa petición da convocatoria do Pleno extraordinario vai a proposta de Moción de apoio ás mobilizacións e á folga xeral convocadas para o 29 de marzo de 2012 polas organizacións sindicais representativas en contra da reforma laboral aprobada polo Real Decreto 3/2012, do 10 de febreiro.
Os nacionalistas de Fene consideran que o Pleno do Concello debe posicionarse sobre este tema xa que perxudica ao conxunto dos traballadores e traballadoras ademais de afectar ao comercio, a hostelaría e a toda a pequena empresa dun xeito directo.
A reforma laboral recentemente aprobada polo Goberno do Estado, constitúe outro chanzo máis na aplicación de políticas regresivas e inxustas socialmente.
A regulación laboral agora en vigor socava dereitos dos traballadores e traballadoras, actuando para iso sobre a rebaixa das indemnizacións por despedimento, a ampliación das facultades da empresa para ordenar modificacións discrecionais nas condicións de traballo e a devaluación da negociación laboral. O obxectivo último é a procura dunha maior precariedade e desregulación nas relacións laborais, que conduzan a unha redución real das rendas salariais, que xa viñan sufrindo un retroceso antes e, sobre todo, despois do estoupido da crise fronte ás rendas de capital.
Esta non é a reforma no eido do réxime laboral que se precisa para afrontar unha recuperación económica baseada na creación de emprego estábel e digno, que é a principal aspiración da maioría das persoas no noso país, especialmente dunha parte importante que atravesa graves dificultades económicas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario